Hai momentos, que xusto no instante de producirse, un sabe que quedarán para sempre gardados na nosa memoria. Ben pola inesperada maxia reveladora que irradian nos seus protagonistas ou ben polo inxente beneficio que xeran no seu receptor; neste caso, nun grupo de alumnos disposto a recoller os consellos e experiencias de dous dos creadores máis importantes do teatro español contemporáneo pero tamén disposto a poñelo todo e entredito.
 
Pako Merino e Diego Lorca ofrecéronnos este pasado sábado algo máis que unha clase maxistral. Foi toda unha lección de vida. Os dous actores, compoñentes da compañía catalana Titzina Teatre, compartiron cos alumnos do grupo xuvenil 1 da EMAE, case hora e media de experiencias, nas que lles explicaron ao alumnado a súa maneira de concibir a arte escénica. Unha concepción que trata ao espectador con humildade e respecto, unha concepción que malia escarvar nas situacións máis cotiás nos sitúa fronte de paisaxes universais como a morte, a guerra, a cobiza ou paso do tempo; paisaxes todas elas que nos definen como seres humanos e que os espectadores mastigamos e deglutimos lentamente unha vez rematada a función.
 
Creación colectiva, documentación rigorosa da realidade e a improvisación como motor creativo, da cal emerxe un guión preciso e unha acción chea de xiros e anécdotas ensarilladas con pulo artesanal. Esa é en poucas palabras a metodoloxía dunha compañía amasada con mans apaixoadas, habelenciosas e libres de prexuízos. Unha metodoloxía que supón todo un refaxo de aire fresco nun contexto creativo dominado pola mediocridade, polo abrevadorismo cultural e pola a ética do politicamente correcto.
 
Moitas grazas Pako, moitas grazas Diego... deixastes tralos rostros enmeigados dos rapaces unha ilusión renovada. Quizais semente de colleitas futuras. Agora xa saben que titzina é silencio en croata, pero saben tamén que hai voces -como a vosa- que non deberan silenciarse nunca.
 
 
 
 
 
 
 
O vindeiro luns 15 de outubro terá lugar a presentación do curso infantil e xuvenil  2018-2019 da Escola Municipal  de Artes Escénicas. A xuntanza, na que se comunicarán os distintos aspectos organizativos do curso, será no Teatro Principal ás 20.30 h. Pola súa banda, o grupo de adultos iniciará as súas clases o mércores 10 de outubro, tamén en dependencias do Teatro Principal. Aínda poderedes reservar a vosa praza na Escola durante os días previos ao comezo das clases.