Este vindeiro sábado 22 de setembro ás 21.15 h o Grupo de Adultos da Escola Municipal de Artes Escénicas participará na Mostra de Teatro Afeccionado de Cotomanguelo poñendo en escena a obraLigazón de Valle-Inclán. Un espectáculo de sombras de 60 min de duración no que se mesturan a poesía e o esperpento arredor do mito de Orfeo. A peza está dirixida por Anabell Gago e interpretada polos alumnos Aranza Barreiro, Ánxela Sanmartín, Manolo Varela, Fina Raposo, Dori Carbia, Ana Rivadulla, Rosa López, Sabela Arca, Luis Rivas, Alba Aller e Azucena González. Vémonos alí!

O vindeiro día 1 de agosto abrirase o prazo para reservar praza na Escola Municipal de Artes Escénicas da Estrada (EMAE) de cara ao novo curso 2018-2019 que dará comezo no mes de outubro.

As clases abranguen tres ratios de idade (infantil, xuvenil e de adultos) e permiten a inscrición de alumnos a partir dos cinco anos de idade. Para reservar praza no curso que dará comezo en outubro próximo, basta con chamar ao teléfono 986573601, en horario de oficina, ou presentarse no Departamento de Cultura do Concello da Estrada. A inscrición posterior queda sempre supeditada á dispoñibilidade de prazas.

A EMAE cumprirá, no vindeiro curso, o seu décimo sétimo ano de vida e, ademais de ser un xeito perfecto para iniciarse no ámbito das artes escénicas, tamén é unha ferramenta moi últil para traballar conceptos como o da mellora psicomotriz, a desinhibición, a expresión oral en público, ou aspectos como o da creatividade e o traballo en equipo.

Coma todos os anos, o curso comporase de oito meses de clase, cunha sesión por semana e a montaxe dun espectáculo final. Ademais, as clases, complementaranse coa organización de obradoiros e a asistencia voluntaria a distintos espectáculos teatrais. Para facilitar a súa integración na Escola, A EMAE dálles a posibilidade aos novos alumnos de poder asistir ás primeiras dúas clases do curso a modo de proba, de forma totalmente gratuíta.

A finais de setembro fixarase unha xuntaza de inicio de curso para facilitarlle ao alumnado o horario e todos os termos relativos á organización do novo curso.